13/04/11

A Plataforma Galega contra a Lei de Augas amósalle ao conselleiro Hernández a súa repulsa por privatizar o dereito dos galegos e das galegas a beber e a vivir



Unha vintena de representantes das organizacións que forman parte da Plataforma contra a Lei de Augas, concentráronse hoxe, 13 de abril, diante da sede da Escola Galega de Administración Pública (EGAP) en Compostela. A mobilización coincidiu cunha xornada formativa sobre a Lei de Augas e a súa inauguración a cargo do conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Agustín Hernández.

En declaracións aos medios de comunicación, a secretaria xeral do Sindicato Labrego Galego, Carme Freire, que falou en nome da Plataforma, recordou que “a Lei de Augas é unha das máis lesivas que se teñen ditaminado en contra do pobo galego, pois supón converter o noso dereito á auga nun negocio, e permitir que empresas privadas cobren por ese dereito humano básico para a vida”. Respecto á concentración de hoxe, na inauguración da xornada sobre a Lei de Augas na EGAP, Carme Freire declarou que “o conselleiro de Medio Ambiente e o Goberno Galego deben saber que se van atopar con esta contestación social alá onde vaian a explicar ou a tentar aplicar esta lei”.

01/04/11

O primeiro regulamento que desenvolve a Lei de Augas legaliza o negocio e a privatización da auga que a Plataforma veu denunciando dende a súa constitución

Representantes das organizacións que forman parte da Plataforma contra a Lei de Augas desprazáronse, o 1 de abril, até a Consellaría de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas (rúa San Lázaro s/n, Compostela), para presentar alegacións aos estatutos de Augas de Galicia.

No acto de entrega das alegacións, que foi ás 12:00 horas, falou en nome da Plataforma a secretaria xeral do Sindicato Labrego Galego, Carme Freire, que denunciou que o texto que pretenden que rexa o funcionamento do ente Augas de Galicia “deixa ben clara a privatización e a mercantilización que vimos denunciando dende a Plataforma Galega contra a Lei de Augas e que nos parece gravísima”.

Freire explicou que, por exemplo, o artigo 23 permite a Augas de Galicia “a creación e constitución de sociedades mercantís e a participación en calquera outra sociedade constituída por entes públicos ou particulares” o cal significa “que se poderá facer negocio con algo que, para esta Plataforma, é innegociable: a auga, que debe ser un ben público, social e gratuíto para cubrir as necesidades básicas de calquera pobo”. Para Freire, “non podemos consentir que vaiamos pagar por un ben e dereito básico como a auga, indispensable para vivir, para beber, para a nosa hixiene, e para a produción de alimentos no marco da soberanía alimentaria”. Fronte á Lei de Augas e aos estatutos de Augas de Galiza cociñados nos despachos da Consellaría de Medio Ambiente, Carme Freire reclamou, en nome da Plataforma, a derrogación destes textos para crear unha lexislación sobre as augas en consenso e en beneficio do pobo galego.